Entrega de premios do "Certame de logos Club de Letras e Proxecta Por 365 días de igualdade"

 O Club de Letras do IES Agra de Raíces organizou no mes de decembro un concurso co fin de escoller o logo común que de aquí en diante compartirá co Proxecta "Por 365 días de Igualdade", que tamén se está a desenvolver no noso centro. 

Nas bases do certame, indicábase aos interesados/as en participar que era precisamente o concepto de "Igualdade" o que debía prevalecer e expresarse graficamente a través do deseño proposto. Cabe recordar que a temática seleccionada para os Clubs de Letras do curso 2020-2021 é o coidado como contido coeducativo. Dito plantexamento está especialmente vinculado coa noción de "Igualdade", como manifestación imprescindible da solidaridade e o benestar emocional, tanto desde un punto de vista individual como social. Por iso, ambos proxectos decidiron, neste caso, realizar esta tarefa común, na que colaboraron activamente Mirta Pequeño e Santiago Vázquez, profesores de Educación Plástica e Audiovisual do centro, ao coordinar esta actividade co seu alumnado de 1º e 3º ESO. Ambos docentes supervisaron o deseño de cada proposta. Os debuxos presentados a concurso foron sometidos a votación entre a comunidade educativa do noso instituto a través da nosa páxina web.

Finalmente, o martes, 22 de decembro, foi desvelada a ilustración gañadora e o nome da súa autora: Marina Calo Bujeiro (3º ESO C). O seu deseño aparecerá proximamente nos distintivos físicos que o Club de Letras e o Proxecta "Por 365 días de igualdade" distribuirán entre o alumnado do centro. 

Parabéns a Marina polo excelente traballo realizado! 

Non vos esquezades de aprezar e valorar tamén as magníficas propostas presentadas a concurso polo resto dos/as alumnos/as de 1º e 3º ESO. Na seguinte ligazón, podedes atopar os deseños finalistas: https://drive.google.com/file/d/1dXTJM04a5WOHVPPoaDGG5kVsAvQldnYJ/view?usp=sharing

Non queremos deixar pasar a oportunidade de agradecer a Mirta Pequeño e Santiago Vázquez a súa decisiva colaboración neste proxecto. Sen a súa axuda, o certame non acadaría a difusión obtida nin a calidade de todas as propostas achegadas. Grazas a ambos polo seu magnífico labor!





Comentarios

Entradas populares