"Quen é quen?" (Día das Persoas con Discapacidade)

 

O vindeiro 3 de decembro celebramos o Día das Persoas con Discapacidade. Para conmemorar esta data, os/as alumnos/as de 2º Bacharelato do IES Agra de Raíces, guiados polo profesor de TIC II, Tino Cobas, prepararon os seus respectivos avatares para elaborar con eles un xogo inclusivo. Trátase do clásico “Quen é quen?, construído integramente coas imaxes animadas que os nosos estudantes cederon, co fin de singularizar unha ferramenta educativa útil para todos os niveis do ensino e, especialmente, para o alumnado de necesidades educativas especiais. Neste caso, propoñemos o emprego deste material para traballar o razoamento lóxico-verbal, a percepción, a discriminación visual, a comprensión da linguaxe e a planificación.

Recordade que é necesaria a presenza mínima de dúas persoas para levalo a cabo. Unha delas ha de seleccionar unha das tarxetas, mentres que a outra debe realizar preguntas sobre o aspecto físico de cada avatar que poidan solventarse cun simple “si” ou “non”. A través da agrupación de informacións positivas e negativas, o xogador debe averiguar a identidade do personaxe que lle foi adxudicado.

Desde o Club de Letras, desexamos agradecer expresamente a colaboración e xentileza do alumnado de 2º Bacharelato do centro, así como do seu profesor, Tino Cobas, por deseñar e ceder as imaxes dos seus avatares a este proxecto.

Comentarios

Entradas populares